O signo lingüístico está composto por un significante e un significado, pero o falante que emprega o signo lingüístico pon a este en relación cun referente que non é outra cousa ca realidade.
A semántica filosófica preocuparase por cales son as relacións entre o signo lingüístico e o referente extralingüístico. A semántica lingüística estudará as unidades significativas mínimas diferenciais, 'os lexemas', e as relacións que entre eles se establecen no seo dunha lingua concreta.
Semántica diacrónica e semántica sincrónica ou lexicoloxía[editar | editar a fonte]
A semántica, rama da lingüística que se ocupa dos cambios de significación que operan nas palabras, é unha ciencia diacrónica, fronte á lexicoloxía (tamén denominada semántica sincrónica), disciplina que estuda o léxico dunha lingua, e que traballa no plano sincrónico.
Debido á distinción entre 'significado léxico' e 'significado gramatical', dous ámbitos son recoñecidos na semántica:
a semántica léxica, que estuda o significado dos lexemas como unidades significativas léxicas e as relacións que entre eles se establecen, os 'campos léxicos'.
a semántica gramatical, que ten como obxectivo de estudo os morfemas gramaticais, o significado das categorías gramaticais e os modos de significar.